Mago Teto

TERRA MÁXICA

Allariz, A Rúa, Baños de Molgas, Barbadás, Verín e Viana do Bolo acollerán funcións e encontros co Mago Teto, Dani García, Fran Rei ou O Mago Paco

Na primeira quincena de abril, a primeira edición desta programa, nacido da colaboración en rede destes seis concello, achega ilusionismo, formación e diversión a todos os públicos
Mércores, 30 de marzo.- A primeira edición de Terra Máxica terá lugar do 1 ao 17 de abril en diversos escenarios de seis concellos da provincia de Ourense: Allariz, A Rúa, Baños de Molgas, Barbadás, Verín e Viana do Bolo. Ademais dos espectáculos de catro grandes artistas, como Fran Rei, o Mago Teto, Dani García e o Mago Paco, Terra Máxica caracterízase polo seu apartado formativo, cunha serie de obradoiros para grupos de 20 rapaces, e tamén social, xa que moitos dos encontros e funcións serán en asilos ou centros da terceira idade, procurando achegarse a un público que non adoita asistir a espectáculos, e poñendo así a maxia ao alcance de todos e todas.
Esta iniciativa, organizada polo Mago Teto e Culturactiva S. Coop. G., mantense grazas ao traballo en rede destes seis concellos, nun esforzo por achegar a cultura á cidadanía, non só nos grandes escenarios, senón noutro tipo de espazos, e por dinamizar máis aínda a vida cultural destes concellos a través das artes escénicas, máis en concreto, con maxia de primeiro nivel. Presentárona na Casa da Cultura de Barbadás este mércores ás 17 horas as concelleiras de Cultura de Verín, Emilia Somoza; Barbadás, Ánxela González; e Viana do Bolo, Graciela Diéguez; a tenente de alcalde de Allariz, Cristina Cid; a de Baños de Molgas, Vanessa Rodríguez Cabo; a alcaldesa da Rúa, María González Albert; os artistas Mago Teto, que realizou un dos seus números, Dani García e Fran Rei; e Nacho Fungueiriño, de Culturactiva SCG.
Catro espectáculos de primeiro nivel
Así, a Casa da Cultura de Barbadás, onde na tarde deste mércores tivo lugar a presentación, acollerá a primeira das funcións, A historia de Brancaflor, de Fran Rei, o venres 1 de abril ás 19 horas. O venres 8 á mesma hora estará o Mago Teto con Tolemaxias, e o 15, Dani García con Volta á Maxia. En Verín, as funcións son ás 19 horas dos sábados no Salón de Actos do Colexio María Inmaculada: Dani García este sábado 2, Mago Teto o 9 e o Mago Paco, con Hocus Pocus, o 16.
Na Casa da Cultura de Allariz, a maxia estará presente os domingos ás 18 horas: Fran Rei o día 3, o Mago Teto o 10 e Dani García o 17. No Centro Cultural Avenida da Rúa, as funcións, tamén os domingos, serán ás seis e media: o día 3 o Mago Paco presenta Hocus Pocus, o 10, Fran Rei A historia de Brancaflor, e o 17, o Mago Teto Tolemaxias.
A Casa da Cultura de Viana do Bolo acolle este sábado 2 ás 18.30 horas A historia de Brancaflor, de Fran Rei, e o 9 ás 20.30 horas, Volta á maxia, de Dani García. Por último, no local social Aira de Arriba, de Baños de Molgas, estará A historia de Brancaflor o sábado 16 ás 19 horas.
Canteira de novos magos e achegamento a novos públicos
Terra Máxica é moito máis cá programación de maxia: coa intención de chegar a máis público, varias das funcións terán lugar en espazos coma o asilo das Hermanitas dos Ancianos Desamparados, de Verín, onde estará Dani García con Volta á maxia o sábado 2 de abril ás 11 horas; ou o centro da terceira idade Os Pinos, da Rúa, onde Fran Rei contará A historia de Brancaflor o venres 10 ás 16.30. Este mesmo artista estará con este espectáculo de maxia e narración oral o xoves 14 no Fogar do Maior de Allariz ás 17 horas; no local social asociación FONVAL de Barbadás o venres 15 á mesma hora; e con dúas funcións deste tipo o sábado 16, na residencia da terceira idade de Viana ás 11 e no Local Social Aira de Arriba, de Baños de Molgas, ás 16.30 horas.
Ademais, os Encontros Máxicos son obradoiros con grupos de 20 rapaces para completar o programa cun apartado formativo, que vaia creando canteira de novos magos e novas magas: Dani García teraos na Casa da Cultura de Viana e en dous colexios de Barbadás; e o Mago Teto, na Casa da Cultura de Verín, na de Allariz e na da Rúa.
1452212_232940157055423_1399902361865033057_n